O Concello abre o prazo para solicitar as axudas para os agasallos de Nadal
Están dirixidas a pais, nais, titores e familias de acollemento con fillos/as menores de idade, empadroados en Valdoviño e uns ingresos que non superen os establecidos na convocatoria municipal
Valdoviño, 1 de decembro do 2022. O Concello de Valdoviño abre este venres, e por espazo de 5 días hábiles a contar dende mañá, o prazo de solicitude para optar ás axudas de Nadal para a adquisición de agasallos. Unha liña de subvencións coa que contribuír a que todos os nenos e nenas poidan ter o seu agasallo nestas datas, apoiando a situación económica na que se atopan algunhas familias. Trátase dunha axuda dunha cuantía única de 50 euros e, no seu conxunto, o Concello destinará a este capítulo algo máis de 3.000 euros. Iso si, en caso de que as solicitudes superen esa cuantía, tentarase ampliar.
Os gastos a subvencionar serán:
-xogos e xoguetes (0- 18 anos): xoguetes, libros, xogos educativos ou de mesa, libros, quebracabezas, e/ou material musical ou deportivo, ou calquera que se corresponda coa idade do/a menor ao que vai dirixida a axuda.
-aparatos tecnolóxicos e roupa (13-18 anos): roupa, uniformes deportivos, aparatos tecnolóxicos como reloxos, videoxogos, teléfonos, que sexan axeitados para esa franxa de idade.
As axudas están dirixidas a pais, nais, titores/as ou familias acolledoras con fillos ou fillas menores de idade e empadronados/as en Valdoviño que non superen uns ingresos mínimos establecidos nas bases da convocatoria (que poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia: https://cutt.ly/j1IecI4
As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no rexistro xeral da Casa do Concello de Valdoviño de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ou a través da sede electrónica. Así mesmo, e en caso de concesión da axuda, deberá xustificarse o gasto entre o 10 e o 20 de xaneiro de 2023.