Preto de 300 deportistas de 16 clubes da provincia participarán o domingo en Valdoviño no Campionato de Duatlón escolar

O alcalde, Alberto González, e o edil de Deportes, Sergio Saavedra, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo con Amando Guerrero, presidente do AD Náutico de Narón, clube organizador

Valdoviño, 28 de abril de 2022. Preto de 300 deportistas de 16 clubes de toda a provincia tomarán parte este domingo, 1 de maio, no Campionato de Duatlón escolar que se celebrará en Valdoviño. Nenos e nenas de entre 9 e 14 anos inscritos e inscritas no programa XOGADE das categorías benxamín, alevín e infantil clasificados/as nas fases previas. A cita, que impulsa a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Triatlón, está organizada pola AD Náutico de Narón e, esta mañá, o seu presidente, Amando Guerrero, mantiña unha xuntanza de traballo co alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, para concretar os últimos detalles da competición. 

Unha competición que obrigará a cortar o tráfico dende as 9,30 ata as 12,30 horas na estrada de acceso ao Faro de Punta Frouxeira dende o campo de fútbol de Meirás, zona de concentración da proba e punto de saída e chegada da mesma. Nesta liña, alcalde, edil e presidente agradeceron a colaboración de Protección Civil e Policía Local, que traballarán conxuntamente no dispositivo de seguridade. 

As saídas comezarán sobre as 10,30 horas, e a proba estará apadriñada por 2 atletas internacionais como son Sara Guerrero e David Castro. Unha competición que se desenvolverá nunha contorna privilexiada, e que xunto ás facilidades dadas polo Concello, foi determinante na súa elección para acoller o campionato, tal e como subliñou Guerrero. 

Os clubes participantes son os seguintes: AD Fogar; AD Náutico Narón; Club Ciclista Arteixo; Club Hércules Termaria; Club Mar de Artabria; Cedeira; Olímpico de Vedra; Triatlón Betanzos; Triatlón Compostela; Triatlón Coruña; Inforhouse Santiago; Riveira; Triatlón Arteixo; Triatlón Ferrol e Trison-artrogal 498. 

Os/as 3 primeiros clasificados/as recibirán medalla, e os clubes, trofeo.