O Concello activa no CPI Atios o proxecto de igualdade “Historias para contar”

Os talleres, nos que participa o alumnado de 3º e 4º da ESO, arrancaron este mes e celebraranse ata xuño coa vista posta na creación dun traballo audiovisual de forma conxunta

Valdoviño, 28 de abril de 2022. No marco do programa Somos e Contamos, o Concello de Valdoviño, en colaboración co CPI Atios, está a desenvolver o proxecto «Historias para contar». Celébrase nas titorías de 3º e 4º curso da ESO dende este mes e ata finais de curso. O obxectivo é facilitar aos mozos e mozas coñecementos pedagóxicos e cinematográficos para elaborar un material audiovisual final.

Segundo explica a concelleira de Igualdade, Ana Belén Pérez, a actividade responde a un doble obxectivo. Dunha banda, articúlase un proxecto que estreite as relacións entre iguais tras meses de illamento e distancias obrigadas, ofrecendo un proxecto motivador e grupal. E doutra banda, abórdase a igualdade de xénero na comunidade escolar, contribuíndo así á súa formación e favorecendo unha sensibilización social que promova a igualdade de oportunidades e dereitos.