Presentación en Valdoviño da publicación do Manifesto para a Protección das Ondas en 7 idiomas

Trátase dunha declaración universal sobre o valor e a necesidade de conservación das rompentes de surf como patrimonio natural e deportivo, socioeconómico e cultural

Valdoviño, 1 de abril de 2022. Valdoviño acolleu esta tarde a presentación do Manifesto para a Protección das Ondas, unha declaración universal sobre o valor e a necesidade de conservación das rompentes de surf como patrimonio natural e deportivo, socioeconómico e cultural. Redactado en 2012 e traducido hoxe a 10 idiomas, por primeira vez, co apoio da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e o financiamento da Deputación, o manifesto publícase en papel en 7 idiomas. Entre eles, o galego. Unha publicación editada por Libros del Océano que se distribuirá no Océano Surf Museo de Valdoviño, nos centros educativos, escolas de surf… 

No acto, Vicente Irisarri, fundador do Océano Surf Club e unha das persoas que fixeron posible esa edición, facía seus algúns dos párrafos do manifesto e incidía na necesidade de protección das rompentes ante posibles perigos xa reais. Citaba precisamente 2 casos en Galicia que, a posteriori, explicaron Yago Baz e Juanjo Fernández, surfistas coñecedores das zonas potencialmente afectadas: as praias de Santa Cristina e Santa Cruz e o areal de Altar, na ría de Foz. De aí a necesidade de concienciar e lexislar establecendo figuras de protección no ámbito mariño. 

Pola súa banda, Jesús Busto, presidente do Océano Surf Club e hoxe en calidade de editor de Libros del Océano, subliñaba a importancia de levar o manifesto ao papel, formato no que as grandes ideas se teñen trasladado ao longo dos anos. A palabra, neste caso, é protagonista na publicación, de 28 páxinas. Posiblemente, engadía, o libro máis pequeno pero tamén o máis importante publicado pola editorial. 

Pola súa banda, o profesor cántabro Juanjo González, doutor en Xeografía e redactor do manifesto, aínda que el defende o anonimato do mesmo porque os egos non teñen cabida nel, confiou en que a cidadanía poida ver nel un camiño que pode inspirar o cambio a outros alzando a voz e actuando para dar solución ós problemas actuais como a contaminación das augas, a urbanización, a degradación e os impactos sobre a costa, a flora e a fauna, e tamén á ameaza da destrución das rompentes. 

Nesta liña, o alcalde de Valdoviño e representante da Mancomunidade, Alberto González, defendeu a necesidade de facer da protección das rompentes unha causa colectiva, interiorizándoa para dar pé a acción.