O Concello de Valdoviño abre o prazo para facerse familia acolledora no programa Vacacións en Paz 2022

A Administración local vén de asinar un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

Valdoviño, 1 de abril de 2022. O Concello de Valdoviño e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a Administración local se suma ao programa Vacacións en Paz. Un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauis durante os meses de xullo e agosto. 

Por iso, o departamento municipal de Servizos Sociais vén de abrir o prazo, ata o 27 de abril, para que os veciños e veciñas de Valdoviño interesados en converterse en familia acolledora para un neno ou nena saharaui soliciten a súa adhesión. Concertarase unha entrevista e iniciarase así o procedemento. 

Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauis a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.