O Concello de Valdoviño celebra novos obradoiros para dar a coñecer o labor marisqueiro entre os escolares
Preto dun centenar de alumnos e alumnas participarán nos talleres, con fase teórica e saídas ao litoral, incluídos no proxecto “Valdoviño Mar. Futuro a toda costa” que apoia o GALP A Mariña-Ortegal
Valdoviño, 5 de abril de 2022. Un total de 92 alumnos e alumnas do CPI Atios tomarán parte ao longo desta semana nos novos obradoiros organizados polo Concello de Valdoviño para dar a coñecer o labor marisqueiro no municipio. Uns talleres organizados ao abeiro do proxecto “Valorización da actividade marisqueira e dos espazos extractivos no litoral de Valdoviño. Valdoviño mar” co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e a colaboración da agrupación de mariscadoras de Vilarrube, a asociación de percebeiros de Meirás e o propio centro educativo.
Os obradoiros contan cunha fase teórica, que se impartiu onte e se reedita hoxe, e unha fase práctica, con saídas ao litoral mañá mércores e o próximo venres. Nestas saídas terán ocasión de encontrarse no banco marisqueiro de Vilarrube coas mariscadoras desta zona, que lles explicarán de primeira man como traballan e experimentarán por si mesmos a práctica do raño e a fouciña no areal.
Os principais obxectivos deste proxecto, que comezou en 2021, son a dignificación dos oficios do mar, a maior visibilización do labor marisqueiro no municipio como actividade económica que se dá nunha contorna paisaxística de gran riqueza e a potenciación da creación de novas liñas de negocio e xeración de novos proxectos profesionais vinculados aos oficios do mar.
A educación ambiental e a observación da contorna serán a canles para a aprendizaxe, moito máis duradeira se xorden da experiencia. As técnicas participativas e os xogos de enxeño, serán a base da metodoloxía nas sesións de aula.