Os veciños pagarán por consumo estimado e non polo total da auga perdida en caso de fuga

O alcalde, Alberto González, avanza as modificacións na ordenanza de abastecemento e saneamento aprobadas en pleno

Os veciños e veciñas de Valdoviño deixarán de abonar cantidades desorbitadas na factura da auga se teñen algunha fuga por rotura da rede de abastecemento. En lugar de pagar polo total da auga perdida, abonarán a estimación do consumo calculado sobre a factura anterior. Así o avanzou esta mañá o alcalde de Valdoviño, Alberto González, para informar das modificacións da ordenanza municipal do servizo de abastecemento e saneamento aprobadas no último pleno celebrado. O seguinte paso será a publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia para a súa exposición pública e, en caso de que non se presenten alegacións, entrarán en vigor.

Deste xeito, equipárase o abono das posibles fugas a aqueles casos nos que se produce un erro ou avaría nos contadores e, en opinión do rexidor, un cálculo moito máis xunto para o veciño.

Así mesmo, outra das modificacións aprobadas en pleno, é contemplar a posibilidade de formalizar servidumes para permitir o acceso ao servizo de abastecemento de auga e saneamento. Servidumes de paso que deben contar co consenso dos propietarios das fincas ou terreos afectados.

Por último, a partir da súa entrada en vigor, permitirase aos particulares executar obras de extensión da rede de abastecemento e saneamento en unión con outros veciños e naquelas zonas nas que non exista unha previsión a medio-curto prazo de realizar obras municipais. Unha fórmula que se ten empregado no pasado e que foi suprimida na última modificación realizada hai uns anos.