TEXTO INSTITUCIONAL POLO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

“En 1975, a Organización das Nacións Unidas convidou aos seus países membros a declarar o 8 de marzo como Día Internacional da Muller para ter presente que a loita polos dereitos humanos é tamén a loita pola igualdade entre mulleres e homes”. (Declaración institucional do Congreso. 2009). 

Como cada 8 de marzo hoxe toca facer balance da situación actual, revisando os obxectivos propostos e sendo conscientes de se o traballo feito acada os seus resultados.

No Concello de Valdoviño seguimos a traballar, desde o ámbito político, institucional e técnico, engadindo como obxectivo prioritario e transversal a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a eliminación de violencias ou tratos discriminatorios por unha cuestión de xénero.

O programa municipal “Somos e Contamos” acolle a programación de contidos e obxectivos recollidos na Estratexia de Prevención de Violencias Machistas e Fomento da Igualdade entre Mulleres e Homes do Concello de Valdoviño, documento técnico político que guía os obxectivos establecidos a desenvolver. Así, os programas de conciliación da vida familiar e laboral, as actuacións específicas sobre o crecemento físico, social e emocional das mulleres, a formación sobre linguaxe inclusiva para persoal da administración local, as actividades con nenos e nenas para o seu empoderamento persoal ou as actuacións de sensibilización para atender ás violencias múltiples por razón de xénero, son algúns dos exemplos do traballo realizado.

Nos seguintes meses debemos marcar novos obxectivos, crear novas estratexias de participación comunitaria e implicación da veciñanza, contribuír a través das actuacións públicas a construír un pensamento crítico e transformador que faga do noso Concello un lugar respectuoso e aberto. Para isto é necesario coñecer, identificar e comprometerse. Coñecer a historia silenciada das mulleres e os mecanismos influentes no establecemento das relacións desigualitarias;  identificar cales son os nosos comportamentos e as mensaxes que lanzamos ao mundo. E comprometerse. Comprometámonos coas nenas e nenos, co seu futuro e a sociedade na que se van desenvolver como persoas, e digámoslles o que queremos: Querémonos libres e iguais.

Cada 8 de marzo, Valdoviño segue na loita polos dereitos das mulleres.