Os nenos da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia implícanse na conservación da raza Galiña de Mos

Un ano máis, e xa van 6, participan do proxecto da asociación Avimós

Valdoviño, 4 de abril de 2024. Hai 6 anos, a Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño convertíase nun dos primeiros de centros de Galicia en acoller o proxecto de visibilización, conservación e protección da raza Galiña de Mos. Unha participación que desencadeou un aluvión de solicitudes en toda a Comunidade para sumarse á iniciativa, tal e como explicaba esta mañá no PAI, Diego Rois, veterinario da entidade e un dos artífices da iniciativa. Regresaba a Valdoviño coa incubadora que recreará as condicións que permitirán o nacemento, o próximo 26 de abril, dos novos pitiños desta raza. E esta mañá, coa súa axuda, os pequenos e pequenas colocaban con sumo coidado os ovos. Nos próximos 21 días, xunto ás educadoras Montse, Rosi e María, proporcionaranlles os coidados precisos. Entre eles, asegurar un grao de humidade do 50% e unha temperatura estable de 37,8º. Estarán pendentes de botarlle auga á incubadora e seguirán o volteo ata os 2 días precedentes ao nacemento, cando os ovos terán que quedar quietos para facilitar a rotura do cascarón.

O proxecto de Avimós iniciábase en Valdoviño en 2018, ao ano seguinte de abrir o PAI, e nin a pandemia foi quen de paralizalo. Grazas ao empeño de Diego e das educadoras, leváronno aos fogares de nenos e nenas con vídeos explicativos sobre o proceso. Ademais, os sucesivos pitiños que foron saíndo da incubadora instalada no PAI foron «adoptados» polas familias, ampliando o censo dos galiñeiros ou ben provocando a creación deles.

A pesar dos esforzos da asociación, Diego explica que a raza Galiña de Mos continúa aínda en perigo de extinción, con 7.000 exemplares rexistrados en Galicia -a UE establece que deberá constatarse un censo de 25.000 para saír da zona de risco-. E neste contexto, o proxecto continuará combatendo esta situación a través do seu principal valor: a educación medio ambiental. Achegar ás aulas a realidade, con dinámicas e prácticas que trasladan os conceptos teóricos de manuais e libros, facilitando un contacto real coa natureza.