Inscricións abertas na Volta ás Forcadas, incluída no circuito de carreiras populares da Deputación

A carreira celebrarase o 16 de xuño, con participación gratuíta agás a categoría absoluta, cunha cuota de 3 euros

Valdoviño, 3 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño celebrará o vindeiro 16 de xuño a VII edición da Volta ás Forcadas, incluída este ano no circuito de carreiras populares da Deputación da Coruña. Esta mañá, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba a apertura do prazo de inscrición na cita a través do portal Carreiras Galegas da Federación Galega de Atletismo. A participación nas diferentes categorías é gratuíta, agás na Absoluta, cunha cuota de 3 euros, e a data límite para anotarse é o 10 de xuño.

Trátase dunha cita deportiva coa que crear e fomentar hábitos de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo e ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o seu tempo de lecer. Un obxectivo que pasa porque a actividade física en nenos e en familia sexa un elemento fundamental das persoas. De aí esta carreira, onde o importante non son os resultados, senón a participación.

Saída e meta estarán situadas nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín, en Vilaboa, e un ano máis, proporase un percorrido pola contorna natural do encoro das Forcadas, considerado xa o segundo mar do municipio.

Nela poderán participar nenos/as e adultos, con diferentes distancias a cubrir segundo a categoría. Dende os 100 metros dos biberóns ata os 9,2 km da asboluta.

O Concello quere agradecer a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio de Policía Local e Protección Civil no operativo. O regulamento pode consultarse na web www.carreirasgalegas.com.