O Concello de Valdoviño axuda á veciñanza a tramitar as axudas autonómicas para a mellora da accesibilidade das vivendas

As solicitudes deben presentarse a través da sede electrónica e o prazo conclúe o 22 de abril

Valdoviño, 2 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño, a través do departamento de Servizos Sociais, axuda á veciñanza a tramitar as solicitudes das subvencións do Programa de Mellora da Accesibilidade da Vivenda convocadas pola Administración autonómica. Están destinadas, entre outras actuacións, á instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas; a colocación ou dotación de produtos de apoio como guindastres ou sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización; elementos de información, comunicación ou aviso como sinais luminosos e visuais, vibrotáctiles ou sonoros que faciliten a orientación no uso de escaleiras ou ascensores; instalación de dispositivos de alarma no ascensor, ou videoporteiros; sistemas de domótica para favorecer a autonomía persoal das persoas maiores ou con discapacidade, ou calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas… Iso si, as actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin finalizadas con carácter previo á publicación da convocatoria de axudas (21 de marzo de 2024).

A contía das axudas oscila entre os 6.000 euros e o 80% do orzamento, e poderá incluírse neste os honorarios dos profesionais, o custo da redacción dos proxectos de ser o caso, informes técnicos e certificados necesarios, ou os gastos derivados da tramitación administrativa e tributos, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes, que será necesariamente a través da sede electrónica da Xunta, remata o 22 de abril.