A XXI Mostra das Asociacións celebrarase o sábado 18 de maio en Vilarrube

Está organizada polas entidades veciñais, culturais e deportivas, coa colaboración do Concello e o apoio das cooperativas do municipio

Valdoviño, 5 de abril de 2024. A XXI Mostra das Asociacións de Valdoviño xa ten data e emprazamento. Celebrarase o sábado 18 de maio en Vilarrube. Trátase dun encontro organizado polas entidades veciñais, culturais e deportivas da localidade en colaboración co Concello e o apoio das tres cooperativas -Lago, Meirás e Vilaboa-, que cada ano vai rotando polas diferentes parroquias. Trala pandemia, retomábase o pasado ano en Pantín, e nesta edición a carpa de celebración situarase no adro da igrexa parroquial de Vilarrube.

O guion da mostra inclúe o tradicional xantar popular e unha morea de actuacións de baile e música tradicional a cargo das diferentes formacións do municipio. Hoxe mesmo, e ata o 10 de maio, ábrese o prazo para que as persoas interesadas en tomar parte poidan adquirir os tickets para a comida a través das diferentes asociacións.

O menú inclúe empanada e entremeses; churrasco, cachelo e criollo, e sobremesa, así como café, refrescos e viño. O prezo é de 20 euros, de 10 euros para os menores de 12 anos, e gratis para os menores de 5 -en todo caso, os pais, nais ou titores legais que os acompañen terán que comunicar a súa asistencia-.