O pintor Crisanto Poveda inaugura este venres a expo “Paisaxes de Valdoviño e comarca”

Artífice do mural da escola unitaria de Taraza, trae de novo á localidade a súa obra de óleos, acrílicos e acuarelas

Valdoviño, 8 de abril de 2024. Crisanto Poveda inaugura este venres exposición na casa da cultura baixo o título «Paisaxes de Valdoviño e comarca». O acto terá lugar a partir das 19:30 horas, con entrada libre. Volverá amosar o seu traballo na localidade tras participar hai cinco anos na expo colectiva «Tod@s» formando parte do colectivo Narart. En todo caso, a súa obra está ben presente e visible no municipio, e podemos achegarnos a ela cunha visita á escola unitaria de Taraza. Alí, en 2022, levaba a cabo unha intervención artística moi especial. Sobre a fachada do centro, guiaba as pinceladas dos alumnos e alumnas da escola, recreando unha fermosa paisaxe da costa de Meirás coa capela do Porto e o Faro de Punta Frouxeira. Rememoraba á par a súa carreira docente, xa que traballou como mestre durante máis de 3 décadas en San Sadurniño.

A súa afección á pintura vén de neno, e a súa formación é basicamente autodidacta. A partir do venres, e ata o 30 de abril, poderemos desfrutar de novo do seu traballo, cunha selección de óleos, acrílicos e acuarelas, de luns a venres de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30 h.