Ondas Novas ofrece clases de iniciación ó surf gratuítas a persoas con diferentes capacidades en colaboración co Concello de Valdoviño

A proposta forma parte do plan de promoción do deporte en Valdoviño presentado para a concesión de autorizacións para as escolas de surf

Valdoviño, 8 de setembro do 2022. A escola local Ondas Novas ofrece clases gratuítas de iniciación ó surf para persoas con diferentes capacidades. A iniciativa da empresa que capitanea Pedro Navarro forma parte do plan de promoción do deporte en Valdoviño presentado ó Concello no proceso de concesión de autorizacións para desenvolver a actividade nos areais do municipio, e realízase en colaboración coa Administración local. Compromiso social e surf únense nesta acción da escola, constituída recentemente cunha metodoloxía deseñada para e por cada alumno/a, adaptada á súa condición, capacidades e relación co mar. 

Pedro Navarro explica que deste xeito quere amosar os beneficios do surf como ferramenta terapéutica, brindando a oportunidade de iniciarse neste deporte a usuarios e usuarias de entidades do terceiro sector. Así, no seu calendario reserva determinadas xornadas para levar a cabo estas sesións, que inauguraba a Asociación Nuestra Señora de Chamorro. Usuarios e usuarias con discapacidade intelectual desfrutaban das ondas tras unha formación básica cos seus monitores e monitoras onde, sobre todo, aprenderon a identificar as zonas seguras e libres de correntes para o baño. 

No caso de persoas con mobilidade reducida, o Concello pon a disposición as cadeiras anfibias, para facilitar o acceso á auga. 

Deste xeito, as entidades interesadas en tomar parte poden poñerse en contacto con Ondas Novas no teléfono 722 15 56 65 ou a través das súas redes sociais (facebook e instagram).