Valdoviño celebrará este domingo a súa Milla Urbana na contorna da Frouxeira

Un total de 75 deportistas formalizaron a inscrición na proba deportiva

Valdoviño, 9 de setembro do 2022. A contorna da praia da Frouxeira será escenario este domingo 11 de setembro da IX edición da Milla Urbana Concello de Valdoviño. Unha proba que regresa ó calendario deportivo municipal tras 2 anos de parón forzado pola covid. Nela, e tralo peche do prazo de inscrición, tomarán parte 75 deportistas tanto federados como afeccionados e de todas as categorías, dende biberóns ata veteranos. 

A entrega de dorsais realizarase o mesmo domingo, a partir das 10 horas nas inmediacións da caseta de socorrismo da Frouxeira. A esa altura situarase o punto de saída e meta da carreira, con diferentes percorridos segundo a categoría, de entre 100 metros e ata 1.609 m. A primeira saída terá lugar a partir das 11:10 horas. 

A Milla urbana está organizada polo Concello, co apoio da Deputación da Coruña, e conta coa colaboración de Protección Civil e Policía Local.