O Concello mellora o illamento térmico e a accesibilidade ó local social de Montefaro
As obras contemplaron a renovación das 20 ventás e da porta de acceso, pintado da fachada, instalación de canalóns, construción dunha beirarrúa perimetral ou o asfaltado do camiño de acceso
Valdoviño, 8 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño vén de concluír as últimas obras de mellora do local social de Montefaro. Uns traballos que contemplaron a renovación das 20 ventás por outras de aluminio con rotura de ponte térmica, doble vidro e apertura oscilobatente e a colocación dunha nova porta de acceso. Así mesmo, pintouse toda a fachada e instaláronse canalóns e baixantes de PVC. Co fin de mellorar a accesibilidade do inmoble, o Concello tamén procedeu á construción dunha beirarrúa perimetral de formigón no lateral e parte frontal da edificación, e asfaltou o camiño de acceso posterior habilitando prazas de estacionamento.
Os traballos completáronse coa construción dun pequeno muro de contención no lateral do inmoble e a instalación dunha barandilla, e finalmente dotouse a zona de dous elementos para facer ximnasia no exterior.
Intervencións de mellora nun local municipal de usos múltiples que data de 1968, e que se suman ás obras realizadas nos últimos anos. Entre elas, o Concello dotaba o inmoble do servizo de auga potable e aproveitaba a actuación para crear unha pequena zona de aparcamento no frontal do recinto. Renovaba e ampliaba a zona de xogos e instalaba porterías no campo de fútbol contiguo á edificación.