Ondas de Sabor é o novo proxecto do Concello de Valdoviño presentado ao GALP A Mariña – Ortegal

Unha aposta firme de apoio ao sector marisqueiro, a través da visibilidade e recoñecemento do seu peso económico, a súa relevancia social e o seu papel na conservación do medio mariño

Valdoviño, 14 de decembro de 2023. O Concello de Valdoviño presentou un ano máis unha nova proposta para optar ás axudas para proxectos ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021 – 2027. O Concello ven de xestionar en convocatorias anteriores outros proxectos GALP como «Océano Surf Museo», «Valdoviño Mar, futuro a toda costa», «Emprendepesca» (proxecto conxunto co Concello de Cedeira e o Concello de Cariño), «Camiño a Teixido» e o proxecto de cooperación «Ares e Valdoviño no mar».

O pasado 5 de decembro, o GALP A Mariña – Ortegal publicaba a proposta de resolución definitiva onde se daba o visto favorable ao proxecto «Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» presentado nesta primeira convocatoria 2023. Será a Consellería do Mar a que resolva definitivamente o proxecto que comeza xa a preparar as súas actividades.

«Ondas de Sabor» é un proxecto de interese colectivo que se centra no sector do mar a través de accións para a valorización do produto local, o fomento do seu consumo, o recoñecemento dos e das profesionais do mar e os seus labores, a importancia da conservación do medio ou resaltar o papel das Confrarías, entre outras moitas cuestións. Para iso, o proxecto recolle diversidade de actividades orientadas a todos os públicos: infancia e xuventude, poboación xeral, profesionais, visitantes, etc.

Entre as actividades desta iniciativa inclúense: aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria, rutas guiadas polo territorio adaptadas a toda  poboación, exposicións exteriores para o público xeral, sesións formativas de cociña mariñeira para profesionais da hostalería da man de cociñeiros de recoñecido prestixio e accións de comunicación para difusión do proxecto.

«Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.