O Concello presenta este venres o calendario municipal 2024 nun acto que contará co monólogo de Santi Prego e Jorge de Arcos
Celebrarase no auditorio, a partir das 20:00 horas, e no seu transcurso entregaranse os premios do III Certame de Decoración de Nadal
Valdoviño, 18 de decembro de 2023. O auditorio da Casa da Cultura acollerá este venres a presentación do calendario municipal 2024 e o cuarto e último monólogo do ciclo «Únic@s», a cargo de Santi Prego e Jorge de Arcos, baixo o título «Narracións imprevistas. Literatura repentina». Ademais, no transcurso da velada, o Concello entregará os premios do III Concurso de Decoración de Nadal. A cita arrancará ás 20:00 horas con entrada libre.
Unha vez máis, o calendario volve a ilustrarse coas imaxes tomadas pola propia veciñanza no municipio, e presentadas ao concurso aberto polo departamento municipal de Cultura. Ao remate da presentación, entregarase ao público o almanaque, e a partir de entón, estará dispoñible na casa da cultura e na casa consistorial.
Así mesmo, Jorge de Arcos e Santi Prego protagonizarán o último monólogo do ciclo «Únic@s». Co apoio da Rede Cultural da Deputación, traen a Valdoviño un espectáculo para todos os públicos no que, ao longo dunha hora, constrúen en vivo un show de seu, máis coa inestimable colaboración do público, xerando así, a través de improvisacións e de tradición oral propia de contacontos, situacións espontáneas e cómicas. Intentarán parar o mundo coas súas historias improvisadas; ás veces, dan no certo, e hai un momento altamente poético, pero case é máis divertido cando se esnafran no fracaso. De seguro que estes dous titáns da interpretación fan as delicias de todos os que se acheguen a desfrutar do espectáculo.