O Concello impulsa o programa “Adiante”, de vivenda, formación e emprego para veciños en situación de vulnerabilidade
Por unanimidade, a corporación municipal daba luz verde en pleno ao proxecto, que se desenvolverá ata 2027
Valdoviño, 14 de decembro de 2023. O Concello de Valdoviño porá en marcha o programa de vivenda, formación e prevención de situacións de crise “Adiante”. Cun horizonte temporal de 4 anos, está dirixido a persoas empadroadas que accedan aos Servizos Sociais cun diagnóstico valorado de alto risco de exclusión social, e a grandes rasgos, estruturarase en 3 fases: valoración -elaboración do itinerario individualizado de atención-; intervención -en tres frontes como son vivenda (atención ao desaiuzamento, rexistro da demanda e búsqueda de fórmulas para vivenda social), formación e mellora da empregabilidade (actuacións para mellorar a inserción laboral) e recursos materiais e económicos (atención inmediata a necesidades básicas, especiamente a familias con menores), e finalmente, avaliación.
Así, o programa, que foi aprobado por unanimidade no último pleno municipal, buscará detectar e diagnosticar as situacións de alto risco de exclusión social no municipio, e activar actuacións específicas de grande impacto nas áreas de formación, vivenda e xestión de recursos económicos e/ou materiais, intensificando o acompañamento personalizado a través dun itinerario sociopersoal supervisado.
Este plan ten unha duración de 4 anos (decembro 2023-decembro 2027), de xeito que a súa posta en marcha constitúa un dobre beneficio. Por un lado, o nivel de mellora obtido da aplicación directa nas persoas e familias atendidas, e por outro, funcionará como un estudo que permita coñecer se unha intervención preventiva cun enfoque de grande intensidade ten un impacto positivo e significativo na situación xeral da poboación destinataria.