A programación cultural de Nadal do Concello de Valdoviño trae este domingo a actuación da Rondalla do Club de Campo
Con entrada de balde e libre ata completar aforo, o concerto dará comezo ás 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura
Valdoviño, 13 de decembro de 2023. A Rondalla do CMI-Club de Campo ofrecerá este domingo en Valdoviño un concerto baixo o título «Cancións do mundo». Inclúese na programación cultural de Nadal deseñada polo Concello, co apoio da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña. A actuación, dirixida ao público en xeral, dará comezo ás 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, con entrada de balde e libre ata completar aforo.
Dende o seu inicio en 1986, a Rondalla do CMI-Club de Campo, fundada e dirixida por Xosé Manuel Couce Fraguela, propúxose ensalzar a canción ferrolá e a centenaria tradición da Noite das Pepitas, incorporando ao patrimonio musical da cidade pezas de nova creación en galego e castelán, froito da colaboración de recoñecidos compositores como o propio director, Xosé Luís Blanco Campaña, Javier Fernández Manso ou Lito Vieira e poetas galegos tan salientables como Luís González Tosar, Salvador García-Bodaño, Pedro X. Brancollano, Alfredo Conde, Ramiro Fonte, Xavier Alcalá, Guillermo Ferrández ou Enrique España, entre outros.
Un acervo cultural que a rondalla soubo poñer en valor en escenarios de toda Galicia, Asturias e Portugal, ademais de facer de embaixadores de Ferrol nas Palmas de Gran Canaria, en programas de televisión en TVG e TVE, cadeas de radio e gravacións dende o primeiro disco CD que se fixo deste xénero musical xa no ano 1993: “Morriña”, até o último, “Tradición y savia nueva 2010”, nos que se recolle unha importante e significativa mostra do seu repertorio.
O bo facer, a rigorosidade, a recoñecida traxectoria da agrupación e a capacidade de innovación do seu director, permitiulle acadar unha respectabilidade por parte do público, que atesoura como o meirande dos seus logros. Por outra parte, a decidida aposta polas composicións en galego para as Pepitas tamén foi un fito innegable, que abriu unha senda a seguir polo resto das agrupacións. Cancións como “Olliños de mel”, a primeira habaneira en galego, ou “Amada ausente”, máis coñecida como “Nas ondas do mar”, de camiño convertéronse en populares e hoxe resultan coñecidas e coreadas pola poboación ferrolá.
Con todo, non foi só a innovación desenvolvida por Couce Fraguela centrada nas cancións de Pepitas en galego, senón a capacidade de adaptar para a rondalla todo tipo de ritmos dos máis diferentes estilos: obras corais e folclóricas galegas, pezas de ópera e zarzuela, folclore canario e suramericano, cancións portuguesas, asturianas e vascas, boleros, espirituais negros, música lixeira, composicións populares, música instrumental e un amplo etcétera, que tamén contribuíu a considerar a Rondalla do CMI-Club de Campo coma referente á marxe da música ferrolá.
O 8 de decembro de 2016, a rondalla celebrou o seu trixésimo aniversario cun magno festival gravado especialmente pola TVG, “Trinta anos entre amigos”, no que participaron como colaboradores de prestixio diferentes artistas ferroláns, ademais de supoñer un xiro no devir da rolda poñendo en escena un sorprendente e novidoso repertorio musical. Dende 2021, retirado Xosé Manuel Couce Fraguela da actividade artística logo de 35 anos ininterrompidos ao fronte da rondalla, dirixe a agrupación o profesor de conservatorio, intérprete e compositor David Sanmartín González. O seu indiscutible currículum avala unha continuidade de trunfos e de éxitos para esta agrupación tan querida e respectada na comarca.
Comentarios