O V Open de Tenis Concello de Valdoviño arranca este venres con preto de 100 deportistas inscritos/as

Os encontros no pavillón municipal do Longoiro, abertos ao público, disputaranse venres e sábado, dende as 9 h ata as 22:00 h

Valdoviño, 13 de abril de 2022. O V Open de Tenis Concello de Valdoviño disputarase este venres e sábado coa participación de preto do centenar de deportistas inscritos/as nas diferentes categorías. Organizado pola Concellería de Deportes coa colaboración da Escola de Tenis Justo al Revés, o edil de área, Sergio Saavedra, avanza a entrada libre ao pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, para asistir como público á competición. 

As categorías son as seguintes: mini-tenis 1, mini-tenis 2, iniciación nenos/as mixta, infantil mixta, absoluto nivel 1, absoluto mixta nivel 2, dobles nenos/as, e dobles absoluto mixto. Os partidos arrancarán este venres ás 9 horas, ata as 22 horas, coa fase de grupos. O sábado retomaranse os últimos partidos de grupo de 9 a 10 :30 h e, a partir das 12:30 h, están programadas as semifinais. A entrega de trofeos, tralas finais, estímase sobre as 21:30 horas.