O alumnado de 5º de Primaria do CPI Atios impulsa 1 km de solidariedade con Ucraína

Coa axuda da veciñanza, a acción celebrarase o 13 de maio co obxectivo de recaudar 1 km de moedas para a Asociación Galega de Axuda a Ucraína

Valdoviño, 12 de abril de 2022. Os alumnos e alumnas de 5º curso de Educación Primaria do CPI Atios están a traballar nunha iniciativa solidaria de axuda a Ucraína na que buscan a implicación de toda a veciñanza de Valdoviño. Así, convídannos a participar, o vindeiro 13 de maio, en «1 km con Ucraína». Haberá 3 puntos de encontro: Casa consistorial, Correos e Centro de Saúde, e en cada un deles nenos e nenas iniciarán unha fila de moedas á que nós nos poderemos sumar. Explican que o importante non é a cantidade senón a aportación en si mesma, porque todos podemos colaborar a partir dun céntimo. E, entre todos, alcanzar a unión deses 3 puntos que suman 1 km, obxectivo inicial da iniciativa. Os fondos recadados contabilizaranse e entregaranse á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA Ucraína). 

O proxecto nacía na clase de valores, e rapidamente era asumido polos 3 cursos de 5º de Primaria. Os nenos e nenas comezaron estes días a traballar na iniciativa. Primeiro, planificación, e logo traballo de campo, que inclúe a elaboración de cartelería, xestión de permisos no Concello, chamadas… unha morea de actividades que realizan con ilusión e ganas guiados polas súas profes María Dolores Freire, Teresa Riveira e Rosa Pazos.