O Concello mantén as portas abertas do Océano Surf Museo esta Semana Santa

Con entrada libre e de balde, poderá visitarse de mércores a domingo de 11 a 14 h e xoves, venres e sábado tamén de 17 a 19 h

Valdoviño, 12 de abril de 2022. O Océano Surf Museo, o primeiro adicado a este deporte en España, abre as súas portas durante esta Semana Santa. Unha oportunidade para facer un percorrido, dende as súas mesmas orixes, pola historia do surf e os valores asociados. Así, as instalacións poderán visitarse de mércores a domingo de 11 a 14 horas e xoves, venres e sábado tamén de 17 a 19 horas. 

A entrada é libre e de balde, co que non hai excusa para non marcar na axenda este plan. 

O Océano Surf Museo está ubicado na primeira planta da Casa da Cultura. Unha gran galería acristalada aberta á praia da Frouxeira que se vale tamén da sala de exposicións do inmoble para impulsar mostras temporais e do auditorio, como escenario de ciclos de cine, festivais de música ou charlas e congresos. Conta con paneis informativos, audiovisuais, obxectos únicos e singulares e un espazo de realidade virtual.