O Concello de Valdoviño aproba os criterios que regularán a implantación de campamentos turísticos no municipio

O acordo plenaria publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia

Valdoviño, 13 de abril de 2022. O Concello de Valdoviño vén de aprobar en pleno os criterios interpretativos que rexirán a implantación dos campamentos turísticos no municipio, atendendo non só aos condicionantes fixados por Turismo de Galicia senón tamén dende o punto de vista da súa viabilidade en materia de acceso aos servizos de saneamento ou abastecemento, entre outros. O alcalde, Alberto González, explica que o Concello dá este paso xa que a modificación puntual do planeamento para regular a súa implantación -iniciada en 2019 e hoxe en curso- é un proceso moito máis lento, e deste xeito, constatando solicitudes para este tipo de negocios en Valdoviño, darase seguridade xurídica aos promotores, empresas e emprendedores.

O obxectivo dos criterios interpretativos, que se publicarán agora no BOP, é ordear a implantación de campamentos de turismo en solo rústico, como campings e infraestruturas para autocaravanas, e dar maior seguridade xurídica a estas instalacións, cunha crecente e forte demanda no municipio. Así, a normativa de Valdoviño adaptarase ao novo decreto aprobado pola Xunta, permitindo avaliar que espazos do territorio poden ser susceptibles de acoller este tipo de infraestruturas atendendo ás limitacións dende o punto de vista paisaxístico e patrimonial. 

Valdoviño conta hoxe con tres campings –un deles municipal, o de A Lagoa e outros dous privados, Camping Valdoviño e Camping Fontesín (Meirás)- e unha área de estacionamento para autocaravanas, A Frouxeira Camperpark. En total, ofertan 616 prazas, o que convirte a Valdoviño, sumando outros establecementos hoteleiros –hoteis, hostais, casas rurais ou apartamentos turísticos- nun dos municipios da comarca de Ferrol con máis prazas, ata 778.