O Océano Surf Museo instálase en Pantín
O Concello de Valdoviño leva ao Abanca Pantín Classic Galicia Pro unha exposición representativa dos contidos dun museo único en España
Valdoviño, 6 de xullo de 2022. O Océano Surf Museo instálase no Abanca Pantín Classic Galicia Pro. No marco do proxecto “Ares e Valdoviño no Mar”, o Concello de Valdoviño levará unha pequena mostra representativa dos contidos do museo a distintos espazos para a súa promoción, e inaugura ese periplo na fábrica de olas. Alí, do 9 ao 17 de xullo, poderá visitarse esta exposición, emprazada na baixada á praia de Pantín (próximo ao monumento ao surfista).
A través de catro paneis en gran formato, farase un percorrido pola historia do surf, dende a súa orixe na Polinesia, ata a chegada a Galicia, lembrando as primeiras tendas de surf e o inicio da cultura do surfing. Destacarase ademais, a historia e evolución do Pantín Classic, as características singulares deste areal e a súa ondada, ou valores tan importantes como a sostibilidade e o cambio cara os produtos reciclados e máis orgánicos, que xa marcan unha nova tendencia entre o sector.
Ademais, nos paneis pódese consultar, mediante o sistema de códigos QR, a páxina web do OSM, ou escolas de surf que operan no municipio, entre outras informacións.
Os paneis itinerantes poderán verse de novo a finais de agosto, co gallo do Campionato de España de Surfing e o Open Surf. Ademais terán outras localizacións durante o mes de setembro en puntos clave de afluencia de público, como son o acceso á casa consistorial, ao propio Museo de Surf ou ao CPI Atios.
SOBRE O MUSEO
O Océano Surf Museo é o primeiro e único museo de España dedicado integramente ao surf. No seu interior pódese desfrutar dunha ampla exposición permanente sobre o desenvolvemento deste deporte ao longo da historia, ata chegar ás nosas terras, ademais de actividades e exposicións temporais que van mudando cada tempada. A través da exposición enmarcada no proxecto “Ares e Valdoviño no Mar” amósase unha pequena parte dos contidos que se poden ver dentro deste recurso único do Concello de Valdoviño.
SOBRE O PROXECTO
O proxecto de cooperación impulsado polos Concellos de Ares e Valdoviño e denominado “Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño. Ares e Valdoviño no mar” conta co financiamento do GALP Golfo Ártabro Norte, GALP A Mariña-Ortegal (Consellería do Mar da Xunta de Galicia) e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca. Ademais das exposicións itinerantes, traballouse na valorización do litoral e das prácticas acuáticas a través de obradoiros de sensibilización dirixidos a escolares, achegando o surf ao centro escolar con exercicio físico e actividades de conscienciación, a celebración de bautismos de surf na Frouxeira e en Pantín, coa colaboración da Asociación de escolas de surf de Valdoviño. Outra das actividades foron as visitas guiadas á vila de Ares, nas que o alumnado de Valdoviño puido observar as diferenzas entre o océano e a tranquilidade da ría, que determinan os deportes acuáticos icónicos en cada un destes territorios.