As praias de Valdoviño, espazos libres de fume

Tralo compromiso adquirido coa Asociación Española contra o Cancro, o Concello iniciaba a tramitación ante a Consellería de Sanidade para incluír os areais locais no censo oficial de praias libres de fume

Valdoviño, 7 de xullo de 2022. Todas as praias de Valdoviño inclúense, a día de hoxe, no censo oficial de «areais libres de fume» da Xunta de Galicia. Así o anunciaba esta mañá o alcalde, Alberto González, dando cumprimento ao acordo de colaboración asinado o pasado ano entre o Concello e a Asociación Española contra o Cancro (AECC). Un acordo para fomentar o traballo de concienciación e conseguir que os areais sexan espazos máis saudables, contribuíndo á prevención de enfermidades crónicas asociadas ao tabaquismo. 

Ata esa rúbrica, só A Mourillá gozaba desa condición e, a partir da sinatura, o Concello iniciaba a tramitación correspondente ante a Consellería de Sanidade. Hoxe, as praias locen a bandeira que acredita esta condición. O certo é que se trata dunha recomendación -non se contempla sanción para quen a incumpla-, polo que o labor de Concello e AECC continuará no ámbito da divulgación e concienciación sobre o perxudicial que resulta o tabaco para a saúde. 

De ter éxito a recomendación, tamén se acadaría un impacto positivo no medio ambiente, posto que as colillas tardan máis dunha década en degradarse, constituíndo un problema importante para a limpeza das praias e do mar.