A escritora Fini Sesmonde presenta este sábado en Pantín a súa segunda novela: “Fluyendo como el agua”
O acto, con entrada libre, celebrarase no local social ás 20:30 h
Valdoviño, 6 de xullo de 2022. O local social de Pantín será escenario este sábado 9 de xullo do acto de presentación da segunda novela da autora ferrolá afincada na parroquia Fini Sesmonde. Convidada pola asociación de veciños, que nesa xornada celebra a súa tradicional churrascada de principios de verán, a escritora falará a partir das 20:30 horas da súa última creación, «Fluyendo como el agua». Unha obra que vén precedida de «Gotas de rocío, copos de nieve», cunha moi boa resposta por parte do público. A entrada ao acto é libre, e ao remate, a autora asinará exemplares do seu novo libro.
Así mesmo, unha hora despois, sobre as 21:30 h, dará comezo a cita gastronómica organizada pola AVV Beiramar de Pantín, unha gran churrascada coa que reciben o verán e á que está convidado todo o mundo. O menú, ao prezo de 15 euros, inclúe ovos en nido verde con salsa de perexil; churrasco, raxas, criollo, cachelos e pan; flan de vainilla de sobremesa e viños, café e auga. Haberá sorteo de agasallos e baile amenizado por Amador.