Medio Rural descarta a presenza en Valdoviño dunha praga de corentena de vermes cogolleros

A consellería indica que para combater a praga común detectada poderán utilizarse os produtos fitosanitarios autorizados

Valdoviño, 22 de agosto do 2023.A Consellería de Medio Rural descarta a existencia en Valdoviño dunha praga de orugas militares tardía ou vermes cogolleros do millo (Spodoptera frugiperda). En resposta ás peticións de información formuladas polo Concello e máis pola veciñanza, o departamento comunica que o informe fitopatolóxico realizado desbota a presenza no municipio dunha praga de corentena como a mencionada.

Segundo as mostras recollidas polo persoal técnico da consellería, e analizadas polo Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia, en Mabegondo, os lepidópteros atopados son orugas da especie Mythimna unipuncta.

Trataríase pois dunha praga común, que aparece de forma esporádica (favorecida por determinadas condicións ambientais) do lepidóptero coñecido como “verme cortador”. Afecta principalmente ao maínzo e a outras gramíneas.

O informe engade nas súas conclusións que “pode causar danos importantes se as poboacións elevadas”. Por iso, tal e como indican dende a Xunta, para combater esta praga “poderán utilizarse os produtos fitosanitarios autorizados no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura. Non obstante, a concellería engade que, “deben priorizarse, sempre que sexa posible, métodos de control culturais, biolóxicos etc.,  respectando así a Xestión Integrada de Pragas”.