Un novo “Asalto musical” conmemorará en Valdoviño o Día internacional da música estraña
A cita será na contorna da construcción máis icónica da costa do municipio
Valdoviño, 22 de agosto do 2023.Con motivo do Día Internacional das música estraña, que se conmemora o 24 de agosto, Valdoviño prepárase para un novo “asalto musical”. Só unha pista do escenario: quen se achegue este xoves á tardiña á contorna da construción máis icónica da costa valdoviñesa poderá desfrutalo.
A actriz Nuria Sanz e o músico Ignacio Sanz, impulsor dende hai nove anos destes recitais imprevisibles en lugares singulares de Valdoviño, interpreten un pequeno fragmento do que será o espectáculo “Fillos do Mar”. A cita será as 19.30 horas.
A iniciativa, que busca achegar a música á cidadanía e, como non, sorprender, xorde como froito da colaboración de agrupación musical Pantinhaus e máis da asociación Valdoviño cultura extrema, e conta co apoio do Concello de Valdoviño.
Ao longo destes anos, no marco desta proposta, que funde cultura e promoción do territorio, a música tomou lugares como a praia e o paseo da Frouxeira, o areal de Pantín, o parque de Marnela, o miradoiro do Paraño, o encoro das Forcadas, Porto do Cabo…