O Concello traza as liñas mestras do seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible

O proceso arranca coa elaboración do Inventario municipal de Emisións de Referencia e Análise da situación actual no concello

O Concello de Valdoviño vén de iniciar a elaboración do Plan Municipal de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible. O alcalde, Alberto González, sinala que o proceso arrancou coa redacción do Inventario de Emisións de Referencia e análise da situación actual, e continuará coa elaboración dunha Análise de Riscos e Vulnerabilidade para rematar co deseño dun Plan coas accións ou medidas para acadar esa redución de consumos.

O rexidor sinala que o documento constituirá unha ferramenta clave para poder acadar o principal obxectivo de reducir as emisións que teñen lugar no municipio, no marco do compromiso adquirido coa inclusión do Concello no Pacto das Alcaldías, unha iniciativa europea que desencadenou o maior movemento de gobernos locais comprometidos a superar os propios obxectivos nacionais en materia de clima e enerxía. Persegue a loita contra o cambio climático mediante a implantación da redución dos gases de efecto invernadoiro nun 40% para o ano 2030, e establece adoptar un enfoque integrado á mitigación do cambio climático e á adaptación a este ademáis de garantir o acceso a unha enerxía segura, sostible e alcanzable para todos.

A parte central do estudo abarca os consumos enerxéticos que teñen lugar no conxunto do municipio, a tendencia dos últimos anos e a previsión de futuro. Tamén, as medidas e as accións mais axeitadas a propor en aras de fortalecer a capacidade de adaptarnos aos impactos inevitables do cambio climático e aumentar a eficiencia enerxética, diminuíndo o consumo de enerxía no municipio.

O alcance xeográfico do documento céntrase no consumo de enerxía nos edificios, infraestruturas/equipos municipais; alumeado público; edificios residenciais; industria; edificios, infraestruturas/equipos terciarios (non municipais); frota municipal; transporte público; transporte privado e comercial, e recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.