Valdoviño suma tiro con arco á programación de actividades deportivas de verán OcioSol
O Club Arco A Frouxeira impartirá as clases no campo de fútbol de Atios
O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, informou esta mañá de que o Concello de Valdoviño vén de sumar á programación de actividades deportivas de verán OcioSol tiro con arco. Trátase de dar continuidade ás clases que se celebran durante o ano, dada a demanda rexistrada, e abrilas á cidadanía en xeral. O Club Arco A Frouxeira será o encargado un ano máis de guialas, e están dirixidas a nenos e nenas a partir de 9 anos e persoas adultas. Celebraranse no campo de fútbol de Atios, luns e venres de 10 a 12 horas.
A inscrición está aberta e é preciso enviar un whatsapp ao 626 465 531 sinalando nome e apelidos, DNI e idade. Neste caso, a Concellería de Deportes porase en contacto para informar dos trámites.
Tanto dende a Concellería de Deportes como do propio clube, inciden en que a actividade rexirase escrupulosamente polos estrictos protocolos de prevención fronte á covid-19 establecidos polo Consello Superior de Deportes e pola Federación Española de Tiro con Arco.