O parque do Rodo, escenario este domingo dun contacontos e obradoiro de cociña para os máis pequenos da casa
Reserva de prazas dende hoxe na Casa da Cultura de 10 a 14 horas
. O parque do Rodo, en Pantín, será escenario este domingo 11 de xullo dunha proposta cultural moi especial para os máis pequenos da casa: «Contada na cociña con Marcelina», a cargo de Tótem Xestión Creativa. A actividade, con prazas limitadas, dará comezo ás 18,30 horas e incluirá un contacontos e un obradoiro de cociña. Está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, e aqueles e aquelas interesados/as en tomar parte deben reservar a súa praza na Casa da Cultura, dende hoxe e ata o venres ou esgotar prazas de 10 a 14 horas.
A actividade, organizada polo Concello de Valdoviño, conta co apoio da Deputación provincial a través da Rede Cultural.
Entregarase unha receita en formato papel a cada un dos peques asistentes, e proveerase a cada neno/a cun mandilón de cociñeiro, ademais de facilitar recipientes biodegradables para que poidan levar a casa a receita elaborada.