O Concello traslada á Xunta o proxecto de construción dunha escola infantil en Valdoviño

O alcalde, Alberto González, explica que a demanda de plazas excede dende hai tempo a oferta do Punto de Atención á Infancia e buscará o apoio da Xunta para facer realidade este novo centro

Valdoviño, 15 de decembro do 2022. A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia estase a quedar pequena. As 20 plazas ofertadas non son suficientes para satisfacer a demanda xerada nos últimos anos, especialmente co aumento do censo rexistrado a raíz da pandemia. Así o explica o alcalde, Alberto González, para sinalar que nos últimos meses o Concello estivo a traballar na redacción do proxecto para a construción dunha escola infantil que permita atender as necesidades de conciliación das familias. Un proxecto que vén de remitir ás consellerías de Educación e de Política Social. Este paso súmase ás xestións realizadas polo alcalde ante Educación para implantar no Atios un IES que permita aos rapaces e rapazas do municipio completar en Valdoviño o Bacharelato sen necesidade de desplazarse diariamente a outras localidades como Cedeira, Narón ou Ferrol. 

A intención do Concello, segundo avanza o alcalde, é situar a futura escola na rúa Ensino, na parte traseira do CPI Atios, terreos de propiedade municipal que ocupaban ata hai uns anos o antigo pavillón e hoxe se atopan infrautilizados. En todo caso, trataríase dun inmoble completamente independente e autónomo. Iso si, favoreceríanse as sinerxias co centro educativo de referencia no municipio. Ademais, o rexidor sinala que confía tamén na receptividade de Política Social co proxecto, xa que cubriría as necesidades de conciliación das familias con fillos e fillas de cero a tres anos facilitando tamén a elección de Valdoviño como residencia habitual para novos veciños e veciñas. 

O inmoble permitiría ofertar máis de 40 plazas, duplicando as do PAI, e contaría cunha superficie construída de 320 metros cadrados e 272 metros cadrados útiles, contaría cun patio de 75 metros cadrados e un porche duns 14. Disporía de diferentes aulas e zonas de descanso, aula de usos múltiples, aseos segundo a franxa de idade, vestiarios, cociña, almacén ou cuarto da limpeza.