O Concello informará este mércores na Porta do Sol sobre as vantaxes do colector marrón e rexistrará as peticións de uso

Unha vez instalados os contedores a pé de rúa, os veciños e veciñas que tramiten a solicitude recibirán unha tarxeta electrónica para a súa apertura e un kit para facilitar o uso, cun caldeiro e bolsas

 Valdoviño, 7 de novembro de 2023. O Concello de Valdoviño anima a veciños e veciñas a achegarse ata a carpa informativa que mañá mércores instalará na Porta do Sol sobre o uso do colector marrón. Estará situada xunto á casa consistorial, de 10:30 a 13:30 horas, e ademais de coñecer as súas vantaxes, poderán solicitar a tarxeta electrónica que facilitará a apertura dos contedores que se situarán na rúa. 

O punto informativo, baixo o lema «Ti Tes a Chave», forma parte da campaña informativa municipal sobre a xestión de materia orgánica, financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cos Fondos de Recuperación Next Generation. Unha vez se active a planta de tratamento especializada de tratamento de residuos de Sogama, previsiblemente no primeiro trimestre de 2024, a Administración local instalará colectores marróns a pé de rúa. 

Estarán pechados, polo que a veciñanza que faga uso deles contará cunha tarxeta electrónica para a súa apertura, previa solicitude. Recibirá tamén un «kit de benvida», cun caldeiro marrón de 10 litros e bolsas de compostaxe para os primeiros usos. É todo o preciso para depositar e trasladar os restos de materia orgánica que se produzan cada día nos fogares, como restos de froita e verdura, de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, de pan, café e infusión, papel de cociña, plantas, tapóns de cortiza… Todos eles converteranse en compost para empregar como fertilizante natural.