A Mancomunidade deu a coñecer a Rede de Pobos do Surf no Sopela Surf Business Meeting
O proxecto, que lidera a Mancomunidade e do que participan as localidades de Ferrol, Valdoviño, Carballo, Castrillón, Ribamontán al Mar e Getxo, busca desestacionalizar o turismo vinculado ao surf e derivar aos turistas cara experiencias culturais e gastronómicas dos territorios
Valdoviño, 8 de novembro de 2023. A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol daba a coñecer estes días en Euskadi a Rede de Pueblos del Surf, un proxecto que lidera o ente supramunicipal e que integra ás localidades de Ferrol, Valdoviño e Carballo (Galicia), Castrillón (Asturias), Ribamontán al Mar (Cantabria) e Getxo (Euskadi), e ao que Sopela se sumará este ano. En concreto, o rexidor de Valdoviño, Alberto González; o concelleiro de Carballo, Xosé Manuel Regueira, e o coordinador do proxecto, Miguel Ángel Pérez-Moneo, asistían a última semana de outubro á VII edición do Sopela Surf Business Meeting, un congreso internacional de surf aberto especialmente a persoas traballadoras da Industria do Surf e do Mar, emprendedores, axentes transformadores e afeccionados aos deportes de deslizamento que buscan emprender na industria. Alí, participaban nunha das ponencias do programa, e divulgaban as liñas mestras da rede. Entre o público, representación tamén do sector do surf da comarca como Juan José Piñeiro, de Ferrol Surf School.
Un proxecto que busca posicionar o surf no norte de España como unha rede que vincula distintas localidades e comunidades autónomas, e desestacionalizar o turismo vinculado ao surf, pero tamén “desconcentralo”, derivando aos surfistas cara a oferta cultural e gastronómica das comarcas. Do mesmo xeito, a Rede de Pobos do Surf pretende aproveitar este deporte como medio para arraigar poboación, e facer fincapé no terreo da divulgación dos seus valores culturais e medioambientais, especialmente entre a comunidade escolar. Nesta liña, analizarase de forma conxunta a normativa relativa ao uso das praias, na procura de boas prácticas e a promoción de melloras. Por último, o proxecto promoverá o emprendemento e a formación para a dixitalización e diversificación das actividades empresariais relacionadas co surf.
Nestes obxectivos, a Rede de Pobos do Surf conta co apoio do Goberno central a través da concesión dunha achega de medio millón de euros incluída na convocatoria de subvencións «Experiencias España» do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través dos Fondos de Transformación.