Primeiras solicitudes veciñais para contar coa chave para acceder aos colectores marróns que se instalarán na rúa
A partir de agora, a veciñanza poderá solicitar a súa a través da web municipal ou presencialmente na casa consistorial
Valdoviño, 8 de novembro de 2023. Veciños e veciñas achegáronse esta mañá ata a Porta do Sol para interesarse polo uso do colector marrón e solicitar a chave que permitirá a apertura dos contedores unha vez se instalen a pé de rúa. Así, rexistráronse xa algunhas solicitudes na carpa informativa que o Concello desplegaba xunto á casa consistorial no marco da campaña «Ti tes a chave», e o prazo para recepcionar novas peticións queda aberto tanto na web municipal como presencialmente na casa consistorial -primeira planta-.
A previsión que manexa o Concello é proceder á instalación dos colectores no primeiro trimestre de ano, aínda que depende da posta en marcha da planta de tratamento de Sogama. Neles, a veciñanza poderemos depositar os restos de materia orgánica que produzcamos nos fogares -froita e verdura, carne e peixe, froitos secos, pan, café, infusións, cunchas de marisco, papel de cociña…-. Para iso debemos solicitar a chave que facilita a apertura do colector, que recibiremos xunto a un «kit benvida» que inclúe un caldeiro e bolsas para os primeiros usos.
Coa implantación do contedor marrón actívase a economía circular, convertindo o residuo en compost e favorecendo o seu retorno ao ciclo da vida. Trátase dun compost natural de calidade para usar na horta que nos permite reducir o uso de fertilizantes químicos e pesticidas, e diminuír a contaminación do solo, dos leitos e dos acuíferos, ademais de favorecer a redución das emisións de CO2 e outros gases contaminantes.
O punto informativo, baixo o lema «Ti Tes a Chave», forma parte da campaña informativa municipal sobre a xestión de materia orgánica, financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cos Fondos de Recuperación Next Generation.