O Concello incrementará as partidas de emerxencia social e atención á dependencia cos 70.000 euros do POS+ social

Os fondos tamén permitirán reforzar o persoal dos Servizos Sociais

Valdoviño, 10 de febreiro do 2023. O Concello de Valdoviño destinará a partida do 69.750,19 euros do POS+Adicional a ampliar as partidas de emerxencia social ou atención á dependencia; reforzar a plantilla do departamento ou adquirir axudas técnicas para veciños e veciñas dependentes, entre outras medidas. Así o acordou a corporación no pleno celebrado hai uns días. 

Máis ao detalle, a partida destinada a emerxencia social incrementarase en 8.000 euros para garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas que viven soas ou aquelas en situación de exclusión social -financiamento de aluguer, alimentación, subministros, educación, fármacos…-. 

Outros 11.000 euros destinaranse a financiar o servizo de axuda no fogar en libre concorrencia naquelas situacións valoradas tecnicamente como de urxencia e necesidade. Un total de 2.000 euros reservaranse para o reforzo dos servizos e axudas económicas centradas nas políticas de conciliación e aquelas outras que facilitan o respiro familiar de persoas coidadoras de dependentes. Así mesmo, programas como as axudas escolares, cursos formativos para persoas inscritas no Plan de Inclusión Social ou Servizo de Asesoramento Xurídico recibirán 24.350,19 euros dos fondos, namentras que outros 1.000 euros destinaranse a sufragar axudas económicas para gastos de consumo enerxético por parte de veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade.

Cunha partida de 19.000 euros, Servizos Sociais reforzará o persoal do departamento -hoxe integrado por 2 traballadoras sociais, 1 educadora familiar e 1 auxiliar administrativa- mediante a selección dun/ha segunda auxiliar administrativo.

Finalmente, e no apartado de investimentos, 4.400 euros reservaranse para a adquisición de equipamento técnico para persoas dependentes.