O Concello de Valdoviño investirá 204.000 euros nos traballos de aglomerado da Avenida de Ferrol, Taraza e Boeiro

O alcalde, Alberto González, informa da aprobación en pleno dos proxectos que se financiarán este ano con cargo ao POS+ da Deputación

Valdoviño, 9 de febreiro do 2023. O Concello de Valdoviño investirá algo máis de 204.000 euros nas obras de aglomerado da Avenida de Ferrol, Taraza e Boeiro. Será con cargo aos fondos do POS+2023, e a corporación daba luz verde esta mañá en pleno por unanimidade aos proxectos, tal e como informaba o alcalde, Alberto González. 

Máis ao detalle, o rexidor explicaba que as intervencións en Taraza -Meirás- e Boeiro -Valdoviño- captarán 89.673,64 euros. No primeiro caso, o Concello actuará entre Taraza e Lavacerido a través duns traballos que confía se complementen coa execución do proxecto de humanización presentado á liña de axudas Next Generation, hoxe en fase de avaliación. Un proxecto máis ambicioso que mellorará a mobilidade na zona, compatible co aglomerado previsto con fondos provinciais. Esta actuación pretende poñer remedio ao avanzado estado de deterioro do vial, moi agravado nas últimas semanas polas choivas rexistradas. No caso do Boeiro, tamén se asfaltará o vial no tramo que discorre paralelo á AC-566. Así mesmo, as obras de acondicionamento neste mesmo vial, pero no treito dende a intersección coa Avenida de Atios e o enlace coa estrada autonómica, están adxudicadas, e levaranse a cabo nas próximas semanas con cargo aos fondos de Agader. 

Por último, o Concello aglomerará a Avenida de Ferrol, cun investimento de 114.568,90 euros, actuando ao longo do vial ata a intersección coa pista de baixada á praia pequena da Frouxeira.