Ondas Novas ofrece bautismos de surf a cidadáns refuxiados da guerra de Ucraína

A escola que capitanea dende Pantín Pedro Navarro continúa promovendo accións cun forte compromiso social

Valdoviño, 9 de febreiro do 2023. Hai apenas un ano, Pedro Navarro botaba a andar a escola de surf Ondas Novas, e neste tempo ten máis que demostrado que o compromiso social e concienciación medioambiental que defendía como sinal de identidade da súa empresa traspasa as palabras para converterse nunha realidade tanxible. Así, a escola comezaba a ofrecer clases gratuítas de iniciación ao surf para persoas con diferentes capacidades e incentivaba á cidadanía para implicarse na protección do medio premiando a retirada de microplásticos e colillas con horas gratuitas de aluguer de neoprenos e táboas. 

Estes días continuaba nesta liña, e convidaba a persoas que chegaron nos últimos meses a Galicia escapando da guerra de Ucraína a evadirse por unhas horas do conflito a través do surf. Encargábase do traslado dun grupo de 6 persoas dende a cidade da Coruña, e ofrecíalles clases de iniciación na praia de Pantín. Era a primeira vez que visitaban Valdoviño e tamén a primeira que practicaban este deporte. Unha experiencia que, sen dúbida, repetirían e que Pedro Navarro se propón reeditar a curto plazo.

Ondas Novas continuará así impulsando iniciativas sociais vencelladas ao surf, complementarias á súa actividade, aberta á cidadanía. Así, ofrece clases en grupo ou individuais ao longo do ano, das que dá boa conta nas súas redes sociais @ondasnovas -Instagram- e @OndasNovasSurfingPantin -Facebook-. O seu teléfono é o 722 15 56 65.