Valdoviño reivindica os xogos tradicionais fronte a tabletas e consolas

A Biblioteca Municipal acolleu o pasado venres o libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”

Valdoviño, 13 de febreiro do 2023. A Casa da Cultura de Valdoviño convertíase o pasado venres en escenario da presentación do libro «Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida». Unha publicación que reivindica o xogo tradicional fronte a tabletas, consolas e pantallas e que foi elaborada polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego durante o confinamento para ofrecer a nenos/as e maiores propostas lúdicas que poñer en práctica sen saír de casa. Un libro, segundo expuxo o escritor Antón Cortizas, que nace do afán por divulgar o que está hoxe esquecido e facilitar a aprendizaxe dos xogos nos que a humanidade aprendemos a existir. Nesa liña, e no marco do acto, o observatorio convidou a nenos e maiores a coñecer e desfrutar dalgunhas desas propostas lúdicas -os zancos, a peonza, a rá ou a corda- no anfiteatro do centro cultural.

O libro recopila 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. O propio Antón Cortizas convidou o pasado venres ao público a elaborar algún deles durante o acto. Uns xogos que Somos Enredos SL inclúe dende hai anos nos campamentos e iniciativas de conciliación que leva a cabo nas programacións municipais ou centros educativos, contribuíndo á súa recuperación, tal e como explicou Manuel Seixas, o coordinador da firma. Pola súa banda, Secundino G. Mera, do Museo Etnográfico da Capela, tras realizar un convite a todos os presentes para visitar o centro, repasou a súa historia dende o seu mesmo orixe. Explicou que o museo nace precisamente dunha experiencia escolar na que os nenos e nenas recolleron durante 2 décadas elementos sen uso das súas casas, aportando información e realizando o inventario das pezas e dispoñéndoas por todas as instalacións ata o punto de que o cole quedaba sen ocos para a súa exposición. E de aí a necesidade de crear no ano 2000 o museo, hoxe en día un orgullo para todo o pobo.

Finalmente, Xabier L. García, do CEIP A Capela e integrante do Centro de Interpretación Brinquedos, abordou a posta en marcha deste proxecto, que nacía hai exactamente dúas décadas para ofrecer aos nenos e nenas do colexio da Capela alternativas de ocio ao balón a través do xogo tradicional. Un proxecto de referencia hoxe en día en Galicia, que ten a súa esencia na total implicación do alumnado e equipo docente. A través das invitacións que cursan aos centros educativos para dar a coñecer a iniciativa, o colexio da Capela, no que estudan ao redor de medio centenar de estudantes, recibe cada ano a visita duns mil escolares, o que dá boa mostra do seu alcance.

A publicación pode adquirirse, en Valdoviño, na Librería Xeila.