O Concello de Valdoviño retoma as clases de tenis no pavillón do Longoiro

As persoas interesadas en participar poden anotarse no 626 465 531

O Concello de Valdoviño retomará as clases de tenis no pavillón municipal do Longoiro. Será á volta das vacacións de Semana Santa, a partir do 8 de abril. Recupérase así unha actividade habitual na programación deportiva municipal, tras o seu parón forzoso primeiro por mor das medidas restritivas impostas no ámbito deportivo pola covid-19 e, despois, polas obras de acondicionamento e mellora executadas nas instalacións deportivas. 

A actividade estará guiada pola escola de tenis Justo al Revés, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba hoxe a apertura do prazo de inscrición. Pode facerse enviando un whatsapp ao 626 465 531 con nome, apelidos e idade. A partir de aí, o Concello contactará coa persoa interesada. 

As clases rexiranse por un estrito protocolo de prevención fronte á covid-19, estarán dirixidas a nenos e adultos e, en función da inscrición, determinaranse horarios e calendario (preferentemente serán os luns, mércores e xoves). A cuota oscila entre os 7,37 euros ao mes ata os 12,54 euros, segundo o número de horas e idade das persoas participantes.