Entrega de diplomas do concurso para elixir á mascota 2021 do Océano Surf Museo
Almudena Rodríguez, gañadora do certame, e Daniela Martín, mención de honra, recibiron a acreditación de mans do alcalde e da concelleira de Cultura
Hai uns días, o Océano Surf Museo elixía á Lagarta Xosefina como a súa mascota para 2021. Unha mascota, que saía do certame escolar convocado polo Concello de Valdoviño, creada pola estudante do CPI Atios Almudena Rodríguez. No concurso, o xurado tamén outorgaba unha mención de honra a Daniela Martín, do Colexio Belén de Ferrol. E onte á tarde, o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Rosana García, entregábanlle a Almudena e a Daniela os diplomas acreditativos e uns agasallos como premiadas no certame e aproveitaban a ocasión para felicitalas polas súas obras, cargadas de sensibilidade e talento. Uns traballos que reflicten á perfección o lema deste ano «Surf e Medio Ambiente» e a vinculación deste deporte con valores como o respecto polo medio natural, a concienciación e a necesidade de protexelo.