O Concello de Valdoviño propón á veciñanza trasladar a celebración do Antroido ás redes sociais municipais

Plantea manter a tradición cun particular concurso de fotografía e vídeo con premios canxeables no comercio local

Na situación imposta pola covid-19, e co ánimo de non renunciar a unha tradición tan nosa como é o Antroido, o Concello de Valdoviño quere convidar á veciñanza a sumarse á celebración, pero a través dun particular concurso nas redes sociais municipais. As persoas participantes tan só deben tirar de imaxinación e creatividade, disfrazarse e enviar por whatsapp as súas imaxes ou vídeos -cunha duración non superior aos 30 segundos-. O Concello subiraas ás redes sociais e as persoas participantes “competirán” por categorías com premios consistentes en vales canxeables no comercio local.

Así, o prazo para enviar o material gráfico ao whatsapp 645 305 229 abrirase o sábado 13 de febreiro e pecharase o día 19 (incluído). A mensaxe debe incorporar a palabra Antroido seguido do nome e apelidos da persoa participante. Ademais, deberá cumprimentarse a folla de participación e de cesión de datos, que está colgada na web municipal, e enviala cuberta ao correo cultura@concellodevaldovino.com.

As categorías previstas son: fotografía individual menores (de 0 a 14 anos) e maiores (de 15 a 100 anos); fotografía grupo mixto (convivintes de todas as idades); vídeo individual maiores (máis de 18 anos) e vídeo grupo mixto (convivintes de todas as idades). Poderase participar en varias categorías sempre e cando o disfraz sexa claramente diferente en cada unha das mesmas.

Así mesmo, a publicación das imaxes e vídeos realizarase do 18 ao 23 de febreiro e será un xurado, formado por persoal municipal da Área de Cultura do Concello de Valdoviño, o encargado de elixir as gañadoras (3 por cada categoría). No caso das fotografías, o importe dos vales será de 50 euros cada un e, no dos vídeos, de 100 euros. O fallo do xurado darase a coñecer o 26 de febreiro.

Por último, e dada a situación de pandemia que estamos a vivir, o Concello anima, na medida do posible, a elaborar os  disfraces con materiais e obxectos  dos que se dispoñan nas propias casas, polo que a orixinalidade e creatividade serán puntos a ter en conta. Tamén é preciso que as imaxes e vídeos sexan actuáis, do presente 2021.

As bases poden consultarse na web municipal.