O Concello de Valdoviño programa este domingo na contorna da praia de Pantín o Festival de Danza “Sobre Táboas”
Un marco incomparable para un festival que nace con vocación de continuidade, ofrecendo nesta primeira edición os espectáculos “Blues de Medianoite” e “Nexos”, e a actuación do bailarín local Álex Casal
Valdoviño, 27 de xullo do 2023. Como é tradición xa cada verán, a danza regresa á praia de Pantín, e este ano farao da man do Festival Sobre Táboas que promove o Concello de Valdoviño. Celebrarase este domingo 30 de xullo, a partir das 20:30 horas, no paseo do Ariño, e ofrecerá ao público os espectáculos Blues de Medianoite e «Nexos», así como a actuación da xove promesa da danza e veciño de Meirás Álex Casal.
Abrirá o festival a compañía de danza urbana e contemporánea Exire. As creadoras Estefanía Gómez e Alba Fernández ofrecerán en Pantín un dos seus últimos espectáculos, «Nexos», arredor da complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a búsqueda dese recordo que as sotén no tempo. A continuación, Álex Casal interpretará unha peza de danza no seu retorno a Pantín, onde en 2022 participaba tamén na programación cultural municipal cunha actuación a modo de preludio de «Credo», o espectáculo de Nova Galega de Danza, co producida polo Concello de Valdoviño.
E pechando o festival, a compañía Laboratorio Escénico co seu espectáculo de danza, música, teatro e luz «Blues de Medianoite». Unha peza creada, dirixida e interpretada pola artista ourensá Alba Fernández. «Blues de Medianoite» entra, a ritmo de blues, no misterio e a sensualidade da noite, achegándonos ás raíces negras no movemento, na música e nos instintos. A chamada da terra que pon en valor ás grandes mulleres do blues e a riqueza rítmica que ven directamente de África, sempre dende un filtro persoal. Isto é, o MEU blues.
Comentarios