O Museo do Surf acolle este venres a inauguración da expo “El reflejo del mar” de Brais Piñeiro e o concerto do seu álter ego, Braian de Palma
Doble cita cultural en Valdoviño a partir das 20:30 horas
Valdoviño, 26 de xullo do 2023. O artista multidisciplinar Brais Piñeiro inaugura a súa primeira exposición fotográfica en Valdoviño baixo o título «El reflejo del mar». Unha mostra que chega ao noso concello da man do Océano Surf Museo. O acto terá lugar este venres ás 20:30 h na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura, e completarase, unha hora máis tarde, ás 21:30 h, co concerto de Braian de Palma, álter ego de Brais Piñeiro, no auditorio municipal. Esta doble proposta cultural conta co apoio da Xunta e Abanca, e finánciase con cargo á subvención concedida pola Axencia Turismo de Galicia ao Pantín Classic como Festa de Interese Turístico de Galicia.
«El reflejo del mar» convida ao público a realizar un percorrido visual polo Océano Atlántico a través dalgúns dos lugares máis fermosos de Galicia e das Illas Azores. Paisaxes lonxanas e quizais diferentes en moitos aspectos, pero similares no brillo que reflicte a superficie do mar. A partir da inauguración poderá visitarse ata o 31 de agosto (de luns a venres de 11 a 14 h, sábados de 10 a 14 h e de 16 a 19 h, e domingos de 10 a 14 h).
Así mesmo, o artista coruñés traerá tamén a Valdoviño o seu último proxecto musical. Tras décadas na música e experiencia noutras bandas -cun LP publicado como batería de Black Coffee-, inicia unha etapa como solista e guitarrista, e a súa verdade narrada en cada canción. Inspirado por artistas como City and Colour, Néstor Pardo ou LA MODA, ofrece un son cru e sincero difícil de catalogar. Así, a enerxía dos seus directos mistura intensidade rueira, ritmo e unha sensibilidade melódica capaz de mover a todo tipo de audiencias.
Comentarios