O Concello de Valdoviño celebrará a súa V Gala do Deporte o 21 de abril

Aberto o prazo de presentación de candidaturas

Valdoviño, 20 de febreiro do 2023. Valdoviño celebrará a súa V edición da Gala do Deporte o 21 de abril, e segundo avanzaba esta mañá o concelleiro de área, Sergio Saavedra, vén de abrir o prazo de presentación de candidaturas aos galardóns cos que se busca recoñecer e pór en valor os méritos dos/as deportistas locais que teñan destacado especialmente ao longo do 2022, pero tamén a novas promesas e adestradores/as, e a entidades e persoas que contribuísen especialmente á promoción do deporte a través do seu traballo e entrega. 

Nesta liña, volverán a ser as federacións e clubes do municipio, así como todas aquelas persoas que o consideren, os encargados de presentar as candidaturas daqueles/as deportistas que crean merecedores destes recoñecementos. Debe facerse enviando un correo a deportes@concellodevaldovino.com -ata o 6 de marzo-. Entre os requisitos mínimos a cumprir está residir en Valdoviño e pertencer a algún dos seus clubes; por circunstancias especiais, estar fóra do concello e, a xuízo do clube, federación ou xurado, ser merecedor/a do nomeamento, ou ter algún tipo de especial vinculación co municipio. 

Haberá premios en cada unha das especialidades, tanto en categoría feminina como masculina, e a maiores catro mencións especiais: mellor promesa, mellor traxectoria deportiva, mellor adestrador/a e mención polo traballo, adicación deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello. Así mesmo, as bases contemplan unha mención especial en caso de que así o considere o xurado por algunha circunstancia especial. 

No caso da mellor promesa, enmarcaranse aqueles e aquelas deportistas que aínda non chegaron á súa plenitude deportiva, ben pola súa idade ou ben pola súa curta vida deportiva, pero que xa acadan resultados destacados na súa especialidade, o que fai pensar que si son capaces de progresar ao longo dos próximos anos e que se consolidarán como grandes deportistas. Ademais, deberán cumprir os requisitos comúns de todas as categorías. Na mellor traxectoria deportiva inclúense aqueles e aquelas deportistas que estean totalmente formados e consolidados deportivamente e que a súa transición dende as categorías de base ata a actualidade fora marcando unha traxectoria ascendente ata consolidarse como grandes deportistas. Ademais, deberán cumprir os requisitos comúns de todas as categorías.

REGULAMENTO DA GALA DO DEPORTE CONCELLO DE VALDOVIÑO 2022