Dous de cada dez veciños de Valdoviño teñen o seu médico de referencia fóra do municipio

O Concello fai un chamamento ás persoas empadroadas para que den de alta a tarxeta sanitaria no centro de saúde local e lograr mellores rexistros que poden ser determinantes para mellorar o servizo

Valdoviño, 16 de febreiro do 2023. Dous de cada dez veciños e veciñas empadroados en Valdoviño teñen o seu centro de saúde de referencia fóra do municipio. Isto é, a localidade conta con 5.474 tarxetas sanitarias a pesares de rexistrar unha poboación cercana aos 7.000 habitantes. Un dato que preocupa ao Concello de Valdoviño xa que, tal e como explica a concelleira de Sanidade, Ana Belén Pérez, a Consellería de Sanidade ten moi en conta estas cifras á hora de avaliar as peticións que traslada a Administración local. Entre outras, un incremento no número de médicos/as e enfermeiros/as; ampliación de horarios de atención ou incluso a implantación do PAC. 

Por isto, dende o Concello faise un chamamento á veciñanza para que dé de alta a súa tarxeta sanitaria en Valdoviño, xa que pode resultar clave á hora de determinar o aumento de persoal para ofrecer un mellor servizo e atención, entre outros aspectos.