O Concello dá o último paso para sacar a licitación o novo contrato do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria

A recollida realizarase os 7 días da semana en verán e 6 no resto do ano, fronte aos 2 días actuais que se realiza en 3 das 5 zonas do municipio

Valdoviño, 5 de agosto de 2022. O Concello de Valdoviño vén de dar o último paso previo e necesario para sacar a licitación o novo contrato para a prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e de limpeza viaria. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Alberto González, tras a celebración do pleno no que se aprobou o prego de prescricións técnicas que rexerá a contratación. Deste xeito, darase resposta á problemática actual derivada dun contrato obsoleto que impide ofrecer o servizo adecuado á veciñanza. O novo contrato licitarase por 10 anos e un valor estimado anual que ronda o medio millón de euros -130.000 máis que o actual-, e entre as principais novidades, establece o aumento da frecuencia de recollida en todo o termo municipal; a implantación do contedor marrón para a recollida de residuos biodegradables; a aposta decidida pola compostaxe doméstica; o incremento do número de contedores, e a significativa ampliación e reforzo dos servizos e zonas de actuación do servizo de limpeza viaria. 

Así, o novo contrato establece 2 zonas de recollida -en lugar das 5 actuais- e unha diferenciación entre a época estival e o resto do ano, de cara a atender as necesidades derivadas do incremento da poboación que rexistra o municipio no verán aumentando a frecuencia de recollida nestes meses. Así, a frecuencia mínima de recollida da fracción resto será de 7 días á semana para o verán e 6 días á semana o resto do ano. Unha importante mellora, xa que a día de hoxe o servizo préstase 6 días na zona 1; 3 días na zona 2, e 2 días nas zonas 3, 4 e 5.

Ademais, o Concello incorpora no contrato a recollida de residuos biodegradables a través do contedor marrón -residuos alimentarios e outros restos orgánicos derivados de fogares, oficinas, restaurantes ou outras actividades-. Nesta liña, apostará decididamente pola compostaxe, coa implantación dun programa que contará co asesoramento porta a porta da empresa que resulte adxudicataria. 

Outra das novidades será a renovación e ampliación da rede de colectores -hoxe en día, uns 1.100 en todo o municipio-, eliminando aqueles que se atopen illados e priorizando a instalación de illas completas nas que sexa posible depositar polo menos a fracción orgánica, envases lixeiros e resto. Ademais, a empresa adxudicataria deberán presentar e executar un detallado calendario de tarefas de limpeza e desinfección dos mesmos, e comprometerse á súa renovación inmediata en caso de necesidade. 

No tocante ó servizo de recollida de enseres, incorporaranse os restos vexetais procedentes da poda de árbores e vexetación de xardíns particulares -hoxe en día non contemplados-.

E, finalmente, en relación ó servizo de limpeza viaria, implantaranse novas zonas de limpeza e servizos, como o baleirado de papeleiras; varrido manual; baldeo de rúas; eliminación de vexetación en beirarrúas e estradas ou limpeza de contedores de cartón/papel e de vidro.

En definitiva, con este proceso de licitación, o Concello de Valdoviño contempla a renovación e actualización da prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e do servizo de limpeza viaria, sumando a incorporación de novos criterios para adaptarse ao novo escenario demográfico do municipio, ao gran aumento de poboación con carácter estacional, aos requirimentos legais vixentes e ás novas necesidades dos usuarios do sistema.