O Concello saca a licitación o novo contrato do servizo de recollida do lixo para os próximos 10 anos por 4,5 millóns
O novo contrato eleva en 1,3 millóns o investimento nese periodo
Valdoviño, 8 de agosto de 2022. Trala aprobación dos pregos no pleno celebrado o pasado xoves, o Concello de Valdoviño vén de sacar a licitación o novo contrato do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e de limpeza viaria. Así, as empresas interesadas poderán presentar a súa oferta ata o 11 de setembro, e consultar as condicións na plataforma de contratación do sector público. A duración do contrato será por 10 anos, cun valor estimado nese tempo de 4.457.256,54 euros, preto de 1,3 millóns máis que o actual.
O obxectivo, segundo explica o alcalde, é dimensionar o servizo ás necesidades actuais. Así, entre as melloras que contempla o contrato está aumentar a frecuencia da recollida, sendo diaria en todo o termo municipal nos meses de verán e de 6 días a semana no resto do ano -a día de hoxe, en 3 das 5 zonas nas que o contrato divide a localidade realízase 2 días á semana-. Ademais, implantarase o colector marrón para a recollida de residuos biodegradables; implantarase un programa de compostaxe doméstica; incrementarase considerablemente o número de colectores, coa instalación de illas completas para o depósito mínimo da fracción orgánica, envases lixeiros e resto, e ampliarase e reforzaranse significativamente os servizos e zonas de actuación do servizo de limpeza viaria.