O Concello acollerá unha xornada de formación básica en lingua de signos

Inscrición aberta hoxe e mañá no departamento de Servizos Sociais

Valdoviño, 10 de outubro do 2022. O departamento municipal de Servizos Sociais, en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), levará a cabo este venres unha acción formativa en lingua de signos co fin de mellorar a atención ao público e obter uns coñecementos mínimos cos que dar unha mellor acollida ao colectivo de persoas xordas. A inscrición, entre hoxe e mañá, debe formalizarse en Servizos Sociais -planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41-. 

Está estruturada en dúas partes, a celebrar na casa consistorial ou centro sociocomunitario en función do número de persoas participantes. A partir das 11 horas, levarase a cabo unha primeira charla de sensibilización sobre a discapacidade auditiva e os servizos que ofrece a propia FAXPG ao colectivo, dirixida á poboación en xeral e ao persoal técnico/político do Concello. E ás 12 horas, está previsto un taller de lingua de signos impartido por profesorado xordo para o persoal do Concello, para aprender algúns signos básicos de atención a persoas xordas (saúdos, preguntas de datos persoais, agradecemento…). Neste caso, con preferencia para persoas traballadoras do Concello, abríndose á veciñanza en xeral en caso de non cubrir prazas.